Río Grande [Alberto Lema]
DATA DE EDICIÓN: 10-05-2026 ISBN: 979-13-991170-9-7 IDIOMA: galego COLECCIÓN: Chan da pólvora, número 25 MATERIA: poesía Alberto Lema regresa á poesía despois de anos de afastamento e faino con Río Grande, unha especie de cartografía sobre a extinición dun pobo que ten como síntoma principal o devalo no uso da súa lingua. Alberto Lema asegura que en Río Grande colleitou os “escasos intres” nos que a poesía lle fixo visitas durante os últimos dez anos, xa que só pode escribir poesía en determinadas situacións e esas situación non se prolongan moito tempo. O libro xunta algúns textos elaborados a partir da súa propia memoria con outros onde fala sobre un tempo, sobre un territorio e sobre un pobo que son doados de identificar. Pero, sobre todo, Río Grande, subliña, “nace da conciencia do risco de extinción dese pobo, que ten como síntoma principal o devalo no uso da lingua”. Dalgún xeito, Lema amósanos unha cartografía, que comeza en Portomouro e remata en Fisterra. Lévanos polo curso do Tambre cara á costa. Trátase do seu país natal, o de Soneira, Bergantiños e a Costa da Morte, un mundo atravesado polo Río Grande no que se superpoñen dúas arquitecturas como dous substratos arqueolóxicos a ceo aberto: o antigo mundo labrego e mariñeiro, de pedra e de tella, a par do novo, de ladrillo e de uralita. “Eu nacín no segundo”, asegura, “xa máis proletarizado”. Sen dúbida, estamos ante unha proposta de forte impronta política, que el moldea con riscos propios. Considera que a literatura é cambio e tamén repetición, reescritura, porque “escribimos de novo un texto que outros comezaron xa na nosa lírica medieval e que proseguiron máis adiante aqueles que Manuel Antonio chamou os antergos. Nalgún caso, trátase de poetas que están vivos, galegos ou de fóra. Río Grande tenta asumir esa tradición desde o presente”. O autor estará con Río Grande o día 22 na libraría Berbiriana da Coruña, acompañado de Henrique Rabuñal. O día 25 estará na libraría Aenea de Compostela con Daniel Salgado e o 9 de xullo estará na Central Libreira de Ferrol con Manuel López Foxo. Alberto Lema Alberto Lema (Bamiro, Vimianzo, 1975) é escritor e filólogo. Autor das novelas Unha puta percorre Europa (2008), Sidecar (2009), Da Máquina (2012) e Pazo de inverno (2021), publicou tamén os poemarios Plan de fuga (2008) e Crónica do chan (2014), ademais de numerosos artigos sobre cuestións culturais e políticas en diversos medios. Traballa na Real Academia Galega e foi concelleiro na Coruña entre 2015 e 2023.
AI Readiness
Good foundation, but some important product data is still missing.